A boa calidade da auga é imprescindible para a vida pero os seres humanos non somos os únicos beneficiarios. Detrás dun xesto tan sinxelo e cotián coma abrir a billa para lavarnos temos todo un proceso, complexo, dun elevado custe, grazas ó cal podemos subministrarnos durante os 365 días do ano, pero ollo! A auga é un ben fráxil e finito que para obtela debemos respectar o seu equilibrio devolvéndoa ao medio con boa calidade.
Cada vez con maior intensidade e conciencia, afortunadamente, como sociedade, demandamos unha mellor xestión da auga e unha mellor conservación do medio ambiente neste país noso de características climáticas e pluviométricas tan particulares. Facémolo baixo a normativa da Directiva Marco da Auga europea que nos obriga a dar un enfoque máis sustentable na xestión deste recurso e nun momento moi acaído pois é patente que con maior frecuencia haberá períodos de seca coma no ano 2017.
A nosa sociedade evoluiu tanto no estado de benestar que estamos contaminando a gran velocidade e facendo un consumo excesivo de auga, porén temos a obriga de reducir dito consumo e á vez reducir a contaminación na orixe, así como unha xestión da demanda de auga dirixida ao aforro para ser eficientes e respectuosos co medio ambiente.
Debemos acadar nun prazo razoable o equilibrio entre a auga que tomamos do medio natural e a que devolvemos. É vital para futuras xeracións utilizar a auga baixo criterios de sustentabilidade. O aforro, a reutilización e a descontaminación dos acuíferos deben ser obxectivos urxentes a cumprir para optimizar os recursos da auga cos que contamos. Hoxe en día as novas tecnoloxías proporcionan solucións moi eficaces no tratamento da auga que se as poñemos en marcha axiña poderemos remitir a vulnerabilidade do medio e garantir o subministro con mellor calidade e cantidade incluso en periodos longos de seca, independentemente da pluviometría.
Os plans e programas de depuración das augas residuais así coma as instalacións EDAR e redes de saneamento non son máis que intermediarios mediocres no obxectivo de devolver a auga ó medio ambiente en estado de calidade suficiente. Os tratamentos que se procesan nestas instalacións teñen como obxectivo encomendar á natureza o depurado final a través da auga do mar e dos raios ultravioletas que fan que no caso da ría de Vigo estea abocada a unha contaminación constante e imparable.
A reutilización planificada da auga ten que ser peza fundamental da política hidráulica facendo que os sistemas de depuración funcionen coma instrumentos exemplares para a cidadanía. Da reutilización destas augas depuradas obteríanse beneficios equivalentes á vida en estado natural, cun litoral saneado, con cultivos de bivalvos de cualificación extraordinaria nos mercados, con especies de pesca que aumentarían a producción e a calidade das especies, unha paisaxe ordeada e valorada na hostalería coma única nas Rías Baixas, etc.
Cabe pois poñer moito empeño en reducir a contaminación e cumprir a Directiva Marco da Auga, comenzar unha revolución ambiental dándolle a volta ao sistema actual de depurar para verter e convertelo no sistema de REXENERAR PARA REUTILIZAR. Neste contexto a sociedade deberá aumentar paulatinamente a conciencia ecolóxica e contribuír a título individual co aproveitamento das augas da chuvia por medio de canalizacións, depósitos, filtros e bombas de impulsión nos edificios de todo tipo, para obter un subministro económico, sen tratamento previo que se podería utilizar nas funcións diarias non relativas ó consumo humano.
Nos últimos anos o cambio climático tense manifestado dun xeito elocuente e anque temos feito conciencia de que hai que facer un uso responsable da iauga, non debemos seguir afrontando a solución de tan serio problema coa mentalidade económica do mínimo investimento senón co da sustentabilidade. Colocar flotadores con válvulas de corte en depósitos e arquetas axuda a manter a iauga na súa orixe, nos encoros e mananciais, preservando as reservas en períodos de seca sen afectar os recursos hídricos que a propia natureza necesita.
En definitiva, reducir o consumo da auga é mellorar os caudais ecolóxicos e mesmo garantía de mellora na calidade do medio en toda a ría.
Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo ‘Cíes’
Serxio Regueira