O Sr. Almuíña, presidente da Autoridade Portuaria, consegue que o porto de Vigo retroceda máis dun século.
A finais do século 19 os vigueses pelexaron e conseguiron que o transporte de mercadorías do porto por tren chegase ao Berbés, un avance que daquela foi un fito histórico e demostrou a visión de futuro dos responsables do porto, todo o contrario do que están a facer os actuais co Sr. Amuiña á fronte.
A PDRVIGO, desde o seu nacemento vimos demandando unha aposta clara e decidida na potenciación do transporte da plataforma portuaria baseada no ferrocarril, o medio menos contaminante no transporte terrestre. Demandamos a conexión coa terminal de Bouzas, que cun túnel dende o entronque da R. Coruña sería perfectamente viable dotándoa dunha maior axilidade e menos contaminación no movemento de mercadorías, pero os responsables da Autoridade Portuaria de Vigo fan xustamente o contrario e converten dita plataforma nun polígono industrial e almacén, apostan por un transporte por estrada máis contaminante ó mesmo tempo que desmantelan o enlace ferroviario existente entre o Areal e o Berbés, un retroceso de máis dun século.
Qué se pretende convertendo esa vía férrea en carril bici? votos?, Crear o ambiente amable para seguir aterrando a ría en Bouzas?. Calquera das alternativas supón condear ao Berbés a utilizar o transporte rodado por estrada, un transporte moito máis contaminante en emisións de Co2. Unha outra vez se demostra que as manifestacións públicas do Sr. Almuíña en defensa do medio ambiente non son verdade e condicionan gravemente (por non dicir “imposibilitan”) a conexión por tren de toda a plataforma portuaria desde Guixar a Bouzas así como a perda de espazo portuario, que “según manifestan” tanto precisan.