A DIRECTIVA MARCO DA AUGA
Directiva 2000/60/CE coñecida como Directiva Marco da Auga (DMA) é unha norma básica para a xestión racional da auga na Unión Europea que introduce unha visión integradora na que teñen cabida as normativas existentes e que inclúe un novo ámbito espacial de aplicación. Esta directiva inclúe a Lei de Augas (Augas continentais superficiais e Augas continentais subterráneas) e a Lei de Costas (Augas de transición e Augas costeiras), pero tamén introduce tipoloxías especiais como Augas moi modificadas e Augas artificiais.
A planificación hidrolóxica da DMA aporta unha nova visión acerca da calidade das augas e une ao control tradicional dos parámetros fisicoquímicos o control do estado ecolóxico, polo tanto, contrólanse os parámetros fisicoquímicos, parámetros biolóxicos e parámetros hidromorfolóxicos.
Os principios fundamentais da DMA están orientados á protección e mellora de todas as augas (ríos, lagos, augas costeiras e augas freáticas); promover a xestión sostible do recurso; reducir progresivamente a contaminación da auga subterránea; axudar a paliar os efectos dos asolagamentos e secas; xestión a nivel de bacía hidrográfica; recuperación dos custes; participación pública e Plans hidrolóxicos.
O ámbito da DMA afecta a todos os países membros da Unión Europea e para o seu cumprimento a unidade de xestión e planificación é a bacía hidrográfica que poderá agruparse formando Demarcacións.
A Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa, xestionada directamente pola Xunta de Galicia, comprende a área ocupada polas bacías de ríos situadas integramente en terreo da Comunidade Autónoma así como as augas subterráneas baixo este espazo, as augas de transición e as augas costeiras que rodean Galicia.
A ferramenta mediante a que se xestiona a auga é o Plan Hidrolóxico, nel intégranse os requisitos da DMA polo que a súa correcta posta en práctica levará o cumprimento destas esixencias. O obxectivo do Plan Hidrolóxico é xestionar un uso racional e sostible dos recursos dando servizo a todas aquelas actividades humanas nas que dunha forma ou doutra se involucra o uso da auga ou o territorio no que esta ten unha influencia máis directa. A DMA introduce como novidade a participación pública, que é o instrumento mediante o que o público toma parte nos procesos de planificación e de traballo influíndo no resultado final.
Demarcacións Hidrográficas de Galicia: Galicia-Costa 13.073 km2 (44,23 %), poboación 2.026.352 (72,78 %). Miño-Sil 13.595 km2 (46,00 %), poboación 703.880 (25,28 %). Cantábrico 1.864 km2 (6,31 %), poboación 22.427 (1,13 %). Douro 1.022 km2 (3,46 %), poboación 31.510 (0,80 %).
As ferramentas de xestión da DMA son: establecemento dunha Política de Tarifa e establecemento dun Calendario. En materia de tarifas promoverase a recuperación do custo dos servizos da auga como medio para a súa racionalización no uso. Na análise económica a realizar valorarase o custo ambiental dos recursos hídricos.
O proceso realizarase seguindo un calendario marcado pola propia Directiva:
Logro dos Obxectivos Ambientais: alcanzar o bo estado ecolóxico das augas.
“A auga non é un ben comercial como os demais, senón un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal ” (Directiva 2000/60/CE_ Directiva Marco del Agua).
Para lograr os obxectivos da DMA os Estados terán en conta o principio de recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga, incluído os ambientais e os relativos aos recursos e en particular o principio de que quen contamina paga.
Antes de 2010 os Estados deberán garantir:
Que a política de prezos da auga incentive un uso eficiente dos recursos.
Unha axeitada contribución dos diversos usos da auga á recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga, que deberá basearse en análises económicas e analizarse polo menos en usos de industria, fogares e agricultura.
LEI DE AUGAS
Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia
OBXECTO: ordenar as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes locais galegos en materia de auga e obras hidráulicas. Regular a organización e funcionamento da Administración hidráulica de Galicia. Ordenar o ciclo integral da auga de uso urbano e establecer as bases para una xestión eficiente dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Regular as bases do exercicio da planificación hidrolóxica en Galicia. Establecer o réxime económico-financeiro da auga en Galicia co obxecto de preservar, protexer e mellorar o recurso e o medio hídrico. Regular o réxime de infraccións e sancións.
FINALIDADE: Garantir as necesidades básicas do uso da auga da poboación favorecendo o desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia e compatibilizándoo coa preservación do bo estado dos ecosistemas acuáticos e ecosistemas terrestres asociados.
As augas minerais e termais regularanse pola súa propia lexislación.
A nova Lei de Augas desenvolverase a través de 6 regulamentos: Estatuto de Augas de Galicia. Regulamento marco de prestación do servizo de saneamento e depuración. Decreto de colaboración coas entidades locais. Regulamento de réxime económico do canon da auga e do coeficiente de vertedura. Regulamento marco do servizo de abastecemento. Regulamento que determine o procedemento de tramitación dos plans galegos de abastecemento e saneamento.
Creación de dous novos tributos:
Canon da Auga: tributo con natureza de Imposto. Substitúe ao canon de saneamento.
Coeficiente de Vertedura: tributo con natureza de Taxa. Substituirá, no caso de que proceda aplicalo, ás taxas de depuración que actualmente cobran os Concellos.
Estracto do artigo publicado no libro editado pola Plataforma plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo “CÍES”, (A RÍA DE VIGO),
CAPITULO IV:
Relator: FRANCISCO ALONSO FERNÁNDEZ, enxeñeiro de camiños, canais e portos.