Por parte da Autoridade Portuaria estáse procedendo a elaboración do Plan Estratéxico do Porto de Vigo que contempla un horizonte temporal dende o ano 2.018 ata o 2028, e se está elaborando dun xeito participativo para que cada colectividade social que estea ligada dalgún xeito á ría poida dar ou aportar a súa visión e suxestións ao mesmo.
Como Plataforma pola defensa da ría e dende a nosa longa experiencia, perante tan transcendental prexecto para o medioambiente facemos algunhas reflexións…..
O porto de Vigo, sen dúbida, é un importante xerador de postos de traballo, mais unha mala práxis no desenvolvemento das actividades industriais, a ocupación da lámina de auga con recheos así como a contaminación aparellada a tódalas actividades do mesmo, tivo como consecuencia a perda de miles de postos de traballo que estaban ligados directamente á actividade pesqueira que como é sabido é de gran riqueza na nosa ría. Era entón o reclamo natural i económico que estaba baseado nos oficios de pesca e marisqueo artesanal, que durante centos de anos estiveron en equilibrio e harmonía co medio natural, que atraeron o turismo pola calidade dos productos levados á gastronomía e supuxeron o sustento de tantas familias.
Por tanto, consideramos imprescindible que este documento en fase de elaboración non repita erros pasados. Ao noso entender debería basearse nunha planificación integral do territorio ordeando e coordinando toda a bisbarra en costa e interior, limitar ó mínimo a actividade portuaria no borde litoral suprimindo a industria a pé de mar e revertindo as actividades perdidas, fomentar o asentamento de poboación nos concellos do interior cunha boa rede de comunicacións que contribuirían á creación de novos postos de traballo relacionados coa actividade pesqueira e así facer compatible a actividade portuaria co aproveitamento dos recursos naturais. Entendemos que deste xeito estaremos orientados na procura dunha mellor calidade de vida, na optimización dos recursos do porto de Vigo e da recuperación dos recursos naturais e medioambientais para disfrute de toda a poboación.
A Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo “CÍES” despois de 25 anos na procura dunha ría exenta de contaminación e no empeño para que as distintas actividades que se desenvolven no seu espazo físico sexan compatibles co medio ambiente, estamos agora inmersos no proceso de elaboración dun documento que será trasladado á Autoridade Portuaria proximamente. Neste documento faremos saber os parámetros que consideramos de vital importancia dentro do novo Plan Estratéxico do Porto para que non supoña ningún regreso ás técnicas destructivas utilizadas con anterioridade. Sendo ese o noso empeño, o noso obxectivo e tamén o da cidadanía que vive e disfruta deste entorno privilexiado, continuaremos intentando preservar e mellorar a calidade ambiental da ría de Vigo, a sustentabilidade dos recursos mariños en pesca e marisqueo, o entorno saudábel e de lecer, a protección do patrimonio natural da biodiversidade para que sexa tratado con especial agarimo e o facemos porque sabemos que o pobo que non teña conta dos seus recursos naturais non terá amparo no futuro.
Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo “CÍES”
Presidente
Serxio Regueira