PARQUES EÓLICOS E MINARÍA NA RÍA DE VIGO
A Plataforma pola Defensa da Ría da Vigo Cíes ten un concepto do ecosistema da ría de Vigo mais amplo que os límites propios da bacía tectónica que a conforma. Consideramos que os montes, vales e ríos que a circundan son tamén parte deste delicado ecosistema, e consideramos imprescindible unha preservación da ría mais alá do denominado accidente xeográfico, incluíndo a Serra do Galiñeiro na Rede Natura 2000 e dotando dunha maior protección os Montes do Morrazo.
Un futuro sustentable para a ría de Vigo pasa por adoptar medidas protectoras dun xeito integral, planificando acaidamente os usos, priorizando sempre a preservación dos valores naturais e as actividades tradicionais.
Hai xa dous anos que vimos colaborando con outros colectivos ecoloxistas, veciñais, comunidades de montes, asociacións culturais e deportivas dos concellos periféricos porque desde a Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo “CÍES” somos conscientes da importancia que ten paro o futuro da Ría a colaboración en materia de protección, por iso queremos destacar que:
Tanto a Serra do Galiñeiro que conecta tectonicamente coa ría de Vigo na zona da Guía en Teis polo Sur, como os montes do Morrazo que conforman a beira Norte da ría, son importantes espazos naturais que proporcionan aportes hídricos de auga doce e nutrientes, de economía local, de lecer, deporte e disfrute saudable para millares de cidadáns dos concellos próximos ou doutros que os visitan como atractivo natural. Estes valores naturais e o seu uso de ben común son absolutamente incompatibles cos pretendidos usos industriais que a Xunta programa para estes territorios: parques eólicos, explotación mineira “Granitos, terras raras, e outros”.
Os usos de explotación industrial que programa a Xunta, baten frontalmente cos estudos de impacto ambiental. As moitas experiencias sufridas por causa dos parques eólicos e da minería deixan ben claro o gravísimo grao de alteración do territorio, de contaminación acústica producida polos aeroxeradores así como a contaminación da terra e acuíferos por causa do emprego de productos químicos na extracción de terras raras que son velenos persistentes por moitos anos despois de pechada a explotación mineira. Así pois, pretender a instalación de dúas actividades industriais tan degradantes en espazos de tanto valor ambiental é claramente unha irresponsabilidade política que evidencia a intención de servir unicamente os intereses do capital.
A Serra do Galiñeiro que tamén forma parte do parque natural do Monte Aloia, outro sistema de gran valor ambiental, xunto cos montes do Morrazo son contentores dun riquísimo e abundante patrimonio etnográfico-cultural en forma de mámoas, petróglifos, muiños, vias de comunicación, lugares de práctica ritual, etc. que serían degradados cando menos, senón arrasados e perdidos para sempre despois dos centos ou miles de anos de existencia no canto da súa a posta en valor a a súa explotación como valor cultural.
Galicia é o territorio con menor protección de espazo protexido (apenas un 12%) cando en realidae ten importantes extensións de gran valor ecolóxico que deberían ser obxecto de protección para a súa preservación. Por este motivo a UE demandou con carácter de urxencia á Xunta de Galicia a elaboración dun inventario de espazos naturais para a súa inclusión no programa Rede Natura 2000, inventario que debería terse entregado hai mais de un ano e ainda está sen elaborar.
Desde a Plataforma queremos recoñecer, facer pública e animar na continuidade da labor que desenvolven os distintos colectivos sociais que traballan a prol de defensa e preservación da Serra do Galiñeiro e os montes do Morrazo, colectivos ecoloxistas, deportivos, veciñais, de montes, etc, que proban que a sociedade non está conforme co rumbo deste modelo económico que ten como único obxectivo a explotación insostible e arruinadora dos recursos primarios.