En dita denuncia expoñendo os feitos contrastados nas visitas feitas na compaña de algúns veciños de Coruxo, tivemos un encontro na ponte do regato das Barxas que pasa a caron das instalacións de hípica do Vao e comprobamos que efectivamente as augas desprendían un cheiro fedorento anque a apariencia delas era normal. Fomos ben atendidos no lugar por un traballador municipal que corroborando o cheiro nos manifestou que non era causa industrial nin vertedura de instalación algunha da contorna, xa que, el mesmo fora quen de comprobalo con anterioridade. Así as cousas fixemos un recoñecemento do itinerario do saneamento municipal na zona Liñares-As Barxas e os tres rexistros que inspeccionamos estaban rebordados de materia orgánica de orixe fecal esparexida polos terreos periféricos, ata o punto de non poder continuar o camiño debido á gran cantidade que se interpoñía no traxecto. Esta materia de orixe fecal contamina as lagoas da zona e verten no regato das Barxas que ó mesmo tempo decorre e desemboca no mar coas conseguintes consecuencias para a pesca, marisqueo e as actividades de lecer que se desenvolven na zona. Non é esta a única zona na que se producen estas verteduras procedentes do saneamento municipal xa que regato arriba hai moitas outras que significativamente incumplen a Directiva Marco Europea da Auga así coma a resolución do expediente da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre a contaminación da Ría de Vigo. E temos demandado sexan adoptadas con urxencia as obras necesarias para que todas as augas contaminadas sexan conducidas dun xeito eficiente á EDAR para o seu tratamento e depuración.