A boa saúde da ría supón para os distintos sectores de explotación, a xeración de riqueza, postos de traballo e calidade de vida.
Os sectores mais sensibles ante os continuos vertidos contaminados son:
A pesca en todas as súas variantes, marisqueo, acuicultura…, que son xeradores de millares de postos de traballo tanto directos como indirectos, (mercados, conserveiras, transporte, embarcacións, aparellos de pesca, etc).
O medio ambiente como calidade de vida de todos os cidadáns, do turismo en todas as súas vertentes ou a hostalería.
Para que a boa saúde da ría poida ser unha realidade é preciso que o saneamento da ría sexa total e real. As administracións públicas pretenden nos convencer de que isto xa é unha realidade, ou que está próximo a selo pero a crúa realidade é moi diferente, por que?…
Porque en teoría (só en teoría) cada unha das EDARS dos concellos da ría serían suficientes para o tratamento e depuración das augas fecais, e é certo. Serían suficientes se para as augas fecais e pluviais existisen redes de saneamento separativas, cousa que non acontece, e que en consecuencia cando chove o caudal de entrada nas EDARS se multiplica por 5 ou o que cadre, razoamento que pode ser contrastado nas saídas das EDARS ou aliviadoiros dos pozos de bombeo en toda a contorna da ría xustamente cando chove.
A nova EDAR do Lagares, ainda en construcción, unha EDAR de última xeración segundo din os responsables municipais e da Comunidade Autónoma, (ja, ja) podería ser suficiente se só entrasen na mesma as augas fecais, pero como é ben sabido non será así. Aceptariamos que esta EDAR podería ser suficiente sendo moderna e coa última tecnoloxía, xa que as augas tratadas reunirán todos os parámetros de augas inocuas, que non danarían o ambiente na mesma xunqueira do Lagares, non si?. E logo, por que gastar 18 M de euros na construcción dun emisario de 2 metros de diámetro ata o medio da ría a unha profundidade de 30 metros?, cal é pois o obxectivo desta instalación?. Se o pensamos ben concluimos que terá a función de verter augas sen depurar no medio da ría sen posibilidade apenas de control por parte da cidadanía.
Así funcionan as cousas e aquí non pasa nada, e o certo é que a saúde da ría así nunca vai ser boa.
PDRVIGO
Serxio Regueira.