No event in the calendar
December 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

O IMPACTO DA ACTIVIDADE HUMANA NO ECOSISTEMA LITORAL

O IMPACTO DA ACTIVIDADE HUMANA NO ECOSISTEMA LITORAL GALEGO: A IMPORTANCIA DA ACTUACIÓN CIDADÁ PARA O DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE.

 

O litoral galego vén caracterizado pola existencia das rías, ecosistemas de grande valor medio ambiental pois as súas características xeo-físico-químicas dan lugar a unha grande biodiversidade que en termos económicos se traduce nunha alta productividade de recursos pesqueiros e marisqueiros. Esta riqueza ten sido a causa do asentamento masivo de poboación no litoral galego tendo como consecuencia unha crecente e incontrolada presión urbanística-industrial que, xunto á sobreexplotación deses mesmos recursos, se volveu unha actividade insostible alterando o equilibrio deste fráxil ecosistema e comprometendo o seu futuro inmediato. Existe polo tanto unha responsabilidade, tanto a nivel individual como colectivo da cidadanía, de emprender urxentes actuacións que revirtan esta tendencia destructiva da contorna natural, privilexiada, na que vivimos.

 

 

 

Cómpre que a sociedade adquira unha sensibilidade ambiental respecto ao impacto dos distintos tipos de contaminantes que se incorporan (resultado da súa actividade doméstica diaria) ao ecosistema litoral das rías, tales como: residuos sólidos (plásticos, aluminios, electrodomésticos, baterías…), líquidos (aceites, detergentes, lixivias…) e da contaminación biolóxica causada pola emisión ao medio natural de augas residuais sen previa depuración así como da existencia de verteduras masivas por actividade industrial e portuaria (pinturas, carburantes e outros químicos) ou por actividades agrícolas como pesticidas e fertilizantes que son causa da eutrofización. Actualmente a meirande parte da cidadanía descoñece as repercusións a curto ou longo prazo desta contaminación continuada e crecente sobre o patrimonio natural, sobre o valor paisaxístico e turístico, sobre a saúde humana e sobre a explotación tradicional ou artesanal dos recursos pesqueiros e marisqueiros que é a fonte de ingresos de moitas familias galegas.

 

O labor da educación ambiental como ferramenta correctiva, baséase principalmente na información e concienciación dos diferentes axentes sociais implicados na problemática que vimos denunciando e na orientación sobre as posibles estratexias de actuación a emprender que podemos exercer, ben como individuos mediante a modificación de pequenos hábitos e conductas erradas causantes de procesos de contaminación significativos por acumulación, ben como colectivo social mediante movementos asociativos, ou ben como individuos denunciantes ante as Administracións competentes. O obxectivo final é polo tanto, incentivar a cidadanía para adquirir actitudes proactivas na defensa do noso medio natural para contrarrestar a tendencia á pasividade que actualmente predomina en materia medioambiental.

 

Ana Belén Antelo Rodríguez