1993, ANO DE CONSTITUCIÓN DA PDRVIGO, UN ANTES E UN DESPOIS NA DEFENSA DA RÍA DE VIGO
Aínda que xa se levaba traballando case un ano, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo ‘Cíes’, foi constituída legalmente no mes de outubro de 1993 e inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións o día 13/12/1993
Os obxectivos que persegue a Plataforma en términos xerais? Loitar para acadar un saneamento integral da Ría, a defensa do medio ambiente, potenciar unha maior produtividade natural e a mellora da calidade de vida dos cidadáns.
Ao longo destes 25 anos foron realizadas multiples xestións e accións en defensa da ría de Vigo, seguindo os obxectivos marcados pola Plataforma na súa fundación.
Nos anos 90 impediuse a instalación da empresa de hidrocarburos Petrovigo en Bouzas, o que tería significado para a ría a súa sentenza de morte, non só polo movemento de carga e descarga de hidrocarburos nos peiraos, tamén polo que suporía o subministro de combustible a flote dentro da ría ou no corredor de navegación da costa galega.
Mediante o diálogo, presión social e xudicial conseguimos cambiar a tendencia dos aterramentos. Así agora, aínda que seguen a realizarse non son da magnitude dos que arruinaron a ría. Xa se programan e constrúen plataformas (polígonos) no interior do territorio para ubicar aquelas actividades que non precisen da lámina de auga (frigoríficos, conserveiras, almacenaxe de subministros, etc) e mesmo para depositar e transformar as mercadorías de entrada e saída polo porto.
Como documento básico temos demandado a elaboración e aprobación dun Plan de Usos Portuarios, un documento serodio que ten pasado por diversas fases, tantas como presidentes/as pasaron polo Porto, que a día de hoxe está aprobado pero non aplicado ao cento por cento e recentemente en entredito por unha sentenza do TC.
Temos demandado as mesmas esixencias para todos os portos de competencia autonómica, grandes e pequenos sen excepción. Neste senso, dicir que a Xunta de Galicia e por ende Portos de Galicia non está pola labor e pretende seguir actuando ao seu antollo sen que ninguén os controle.
Desde que se fundou a Plataforma, vimos demandando e xestionando perante as administracións competentes (Unión Europea, Estado Español, Xunta de Galicia e Concellos) a posta en marcha de Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) con todos os ciclos e a construcción dos colectores de marxe de ría para a condución das augas fecais a estas EDARS (separativas). A día de hoxe as obras están practicamente rematados pero con graves deficiencias ao non haber redes interiores separativas. Como consecuencia prodúcese a saturación dos colectores xerais de marxe de ría con augas pluviais, e a vertedura directa á ría de augas sen depurar desde os aliviadeiros e estacións de bombeo.
Temos demandado un control rigoroso sobre os sistemas de saneamento e depuración das industrias, sobretodo dos residuos contaminantes, combustibles, metais pesados, resíduos sólidos (aceites, pinturas, madeiras, materiais procedentes de chorreo)…, pero aínda queda moito camiño por andar.
Temos paralizado as verteduras na foxa de Sálvora dos lodos procedentes dos dragados das dársenas do Berbés e Areal en Vigo. O proxecto inicial era dragar e transportar os residuos en barcazas para verter no mar, nun punto entre as illas de Ons e Sálvora. Finalmente parte do material foi confinado no propio porto de Vigo e parte trasladado por terra a un punto no interior para o seu tratamento de descontaminación.
Defendemos un desenvolvemento sustentable da bisbarra como unha das fórmulas de preservar os seus valores para as xeracións futuras, esixindo unha valoración económica do medio ambiente en todos os proxectos de actuación que as administracións públicas ou privadas pretendan poñer en marcha; esixindo a preservación do sector primario da pesca, marisqueo e acuicultura como actividade principal na xeración de recursos e creación de emprego (tamén os que se xeran no sector turístico, na mellora da calidade de vida e na preservación do valor paisaxístico); e esixindo a supresión de sistemas construtivos que supoñan barreiras e alteracións na hidrodinámica litoral (correntes mariñas).
Facemos actividades dirixidas á cidadanía a modo de charlas, xornadas, foros e publicacións encamiñadas a divulgar o estado da ría, a problemática derivada da contaminación e posibilidades de rexeneración.
En síntese, pretendemos o debate público, a participación cidadá, analizar, programar e visualizar os obxectivos para o futuro de toda a bisbarra, buscar un equilibrio entre as distintas actividades, que ningún sector se contrapoña aos demais. En definitiva, unha explotación de recursos sustentable.