No event in the calendar
December 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

QUE E A PLATAFORMA

 ORIXE DA PLATAFORMA

 A Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo “CÍES” ten orixe cando o proxecto PETROVIGO pretendía instalar no recheo de Bouzas un gran depósito de combustible para logo abastecer os barcos en tránsito. A asemblea de constitución tivo lugar o día 21 de outubro de 1993 sendo inscrita definitivamente o 13 de decembro do mesmo ano co número 3062 e rexistro 42469. Nesta constitución participaron uns 60 colectivos de diferente índole: veciñais, productivos, extractivos, sociais, sindicais, comerciais, etc, pertencentes a todos os concellos da Ría de Vigo.

 

 Obxectivos:

 1.- Actuar en contra da instalación de actividades contaminantes.

 A primeira acción, quizá a mais significativa, foi a oposición frontal á instalación da empresa de hidrocarburos PETROVIGO nas instalacións portuarias do recheo de Bouzas que de non telo evitado a tempo tería significado a sentenza de morte para a ría de Vigo, non só polas verteduras ocasionadas nos trasegos de cargas nos peiraos, senon polo perigo do subministro de combustible a flote dentro da ría e no corredor de navegación da costa galega.

 2.- Impedir aterramentos.

 Neste eido, os logros teñen vido da man do diálogo coa Autoridade Portuaria, da presión social e das accións xudiciais cando non deron resultado as anteriores. O principal logro a día de hoxe foi ser capaces de mudar a tendencia dos aterramentos, anque ainda quedan proxectos con licencia da autoridade portuaria que teñen como obxectivo o aterramento para ocupar superficie do mar, por exemplo, o proxecto do porto deportivo de Massó en Cangas, que tamén foi denunciado por delito ecolóxico e ata hoxe paralizado pola oposición dos colectivos cidadáns. Como Plataforma sempre nos opuxemos a que o “progreso” do porto de Vigo fose destructivo co medio ambiente, daí que teñamos demandado á Autoridade Portuaria que adopten con urxencia solucións tipo plataformas loxísticas ou polígonos industriais complementarios do porto de Vigo, que estean emprazados no interior do territorio, non na costa, nos que desenvolver funcións de estacionamento, depósito de mercadorías, centros de manipulación, etc, sen contaminar a ría, pois certas actividades non teñen por que estar emprazadas dentro das instalacións portuarias, e desde logo que se poñan en funcionamento inmediatamente os proxectos da cidade do frío en Valadares-Vigo e a PLISAN en Salvaterra-As Neves, para de seguido comenzar a retirada das instalacións e actividades que na actualidade están ocupando a faixa costeira (frigoríficos, conserveiras, almacéns de subministro, etc).

 3.- Plan de usos portuarios.

 O Plan de Usos Portuarios, actualmente en fase de aprobación, é un documento que vimos reclamando con insistencia hai moitos anos, xa pasou por múltiples mandatos, sen éxito, pero finalmente a base de insistir vaise aprobar. Este documento é o elemento imprescincible para poder organizar as actividades portuarias, para tomar as decisións acertadamente, é un plan, un programa que rematará co funcionamento anárquico do porto tal como vén acontecendo desde os comenzos da súa actividade. Pódese concebir a cidade de Vigo sen un Plan de Ordenación? Pois tampouco o porto. Esta demanda de ordenar todos os portos galegos fixémola extensiva á Xunta de Galicia-Portos de Galicia por ter a competencia da maioría dos portos do noso territorio, pero a xulgar polas respostas obtidas, vai costar conseguilo!. Non están pola labor, váilles mellor non ter un documento que respectar, para así funcionar con mais libertinaxe, é decir, o de sempre: mangoneo, pero nós a insistir, con todos os medios legais ata conseguilo.

 4.- Saneamento integral da ría e das súas bacías fluviais.

 Desde que se fundou a Plataforma, vimos demandando e xestionando de porta en porta na Xunta de Galicia e concellos, unha programación de recollida de augas residuais e pluviais por separado, para que os colectores de marxe de ría que conducen as augas deica as estacións depuradoras de augas residuais non se colapsen. Está demostrado que o transporte horizontal das augas residuais ás depuradoras é unha das causas polas que se colapsan as redes de saneamento xa que han de impulsarse con medios mecánicos que cando se saturan por causa dun pico na pluviometría, as bombas de impulsión detéñense, tendo como consecuencia que as augas residuais sen depurar van parar directamente á ría a través dos aliviadeiros. É moi importante facer un tratamento previo das augas residuais de cada bacía fluvial ou vertente antes de ser vertidas nos colectores de marxe de ría.

Outro asunto a resolver con urxencia é o funcionamento eficaz das EDAR. En Vigo comenzouse a construir unha MACRODEPURADORA para resolver os problemas de contaminación que está producindo, que é o maior foco contaminante da ría de Vigo. As demáis estacións depuradoras (Cangas, Moaña, Vilaboa, Arcade, Redondela) non están controladas polo mesmo organismo, é decir, unhas por empresas privadas como adxudicatarias e outras pola propia Xunta de Galicia. Para ter certa garantía que a ría de Vigo está protexida de contaminación, é imprescindible que as estacións depuradoras dos distintos concellos funcionen coordenadamente, en rede se é posible, por iso sería moi bo acadar un consenso entre municipios para formar un Consorcio para o tratamento de augas residuais. É tamén moi importante unificar sistemas de depuración xa que actualmente cada depuradora funciona con un sistema diferente unhas das outras ou cando menos apenas coinciden. Qué quere decir isto?, pois que o mantemento e atención técnica resulta mais caro e ineficaz diante de sistemas iguais. En definitiva, hai que procurar un correcto funcionamento das estacións depuradoras de augas residuais, un correcto sistema de canalizacións con separación de pluviais e fecais, un control constante e rigoroso das augas tratadas antes de verterse ó medio natural, especialmente das de orixe industrial, de hidrocarburos, de metais pesados e de depósitos de residuos sólidos entre outras.

 6.- Os dragados e a foxa marítima Sálvora - Ons.

 Capitanía Marítima ten asignado como punto de destino dos residuos procedentes dos dragados dos portos un lugar no medio do mar, na mal chamada foxa de Sálvora perto de Ons, Parque das Illas Atlánticas. Cando se dragou a dársena do Berbés - Vigo, a Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo CIES presentou denuncia na Fiscalía de delitos ecolóxicos que ante as probas evidentes actuou prohibindo o traslado e vertido en dita foxa, tendo que asumir a Autoridade portuaria a sentenza e tratar os refugallos en terra, en empresa especializada, para a súa descontaminación.

 7.- Un desenvolvemento sustentable como valor.

 O medio ambiente ten un valor e hai que poñerlle prezo. Non podemos permitir xa mais que os proxectos baseados na explotación dos recursos naturais se fagan de costas a ese valor. Neste eido procuraremos facer cumplir as leis de ambito local, autonómico, do estado ou europeo utilizando a denuncia sempre que haxa falta de valoración no correspondente proxecto de impacto ambiental. Como cidadáns debemos esixir das autoridades un plan capaz de organizar e preservar o sector primario da pesca, marisqueo e acuicultura que son fonte de recursos económicos e de creación de postos de traballo directos ou indirectos. Debemos procurar acrecentar os recursos que nos proporciona a ría de Vigo de cara ao sector turístico, da hostalería, deportes náuticos etc, dun xeito controlado, compatible coas demáis actividades e sempre dun xeito sustentable. Debemos opoñernos con todas as nosas forzas contra calquer aterramento ou construcción que altere a dinámica litoral das correntes mariñas. Debemos pois loitar contra as agresións, da índole que sexan, para protexer e perpetuar no tempo este ecosistema único no mundo chamado ría de Vigo.

 8.- Actividades da Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo CÍES

 Está ben esixir das Autoridades o cumprimento das leis en materia de medio ambiente, pero, como se comporta a cidadanía co medio?. Temos observado que hai gran desinformación sobre o funcionamento dun ecosistema como o da ría de Vigo, de como hai que protexélo. Temos chegado á conclusión que se cometen moitos pequenos danos, por ignorancia, que ó final resultan máis debastadores que un sinistro puntual como o do Prestige e para que a información sobre o ecosistema da ría de Vigo chegue á maioría dos cidadáns, temos organizado recentemente charlas nas confrarías de pescadores, xornadas científicas no auditorio Novacaixagalicia, foros con representantes da comunidade científica de Vigo (Universidade, Instituto Oceanográfico, Instituto de Investigacións Mariñas, etc) e unha publicación por medio do libro “A Ria de Vigo, impacto da actividade humana, xestión sostible e conservación medioambiental” no que se recollen os traballos dos científicos participantes nas xornadas. Entendemos desde a Plataforma que é imprescindible aportar información á cidadanía co obxectivo de concienciar e fomentar un constante debate público sobre o futuro da ría de Vigo.

Isto é o que boamente facemos desde a Plataforma a pesar dos atrancos e a incomprensión dos gobernos de turno que nos ven como inimigos por rabuñarlle nas conciencias.