No event in the calendar
December 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

RÍA DE VIGO ESPAZO LIBRE DE CONTAMINACIÓN

 

COMO DEFENDER UNHA RÍA LIMPA

As verteduras directas á ría de Vigo, de augas fecais sen o tratamento de depuración preceptivo, con saida nos aliviadoiros da rede de colectores de marxe de ría e mesmo das EDARS, séguense producindo acotío.

Estes acontecementos, cáusannos fonda preocupación así como desconcerto ao comprobar que as administracións públicas, Concellos e Xunta de Galicia, non responden ante semellantes atentados á calidade das augas da ría de Vigo, da que depende o sustento de tantas familias que traballan no sector extractivo, pesqueiro, marisqueiro, etc.

Os concellos e Comunidade Autónoma, teñen a obriga de facer cumprir os pregos de condicións polos que se adxudicaron os contratos de xestión do tratamento das augas residuais, así como a de empregar os sistemas de control necesarios e a incoación dos expedientes disciplinarios pertinentes, os Organismos ou empresas concesionaria da depuración das augas residuais son os responsables directos de tales atentados contra o medio natural.

Todos os puntos de vertido teñen en común o mal funcionamento ou paralización dos pozos de bombeo tal como se pode comprobar nos aliviadoiros ao longo do bordo costeiro da ría así como das EDARS.

Outra das consecuencias do mal funcionamento da rede de condución de augas fecais é, a inexistencia dun sistema separativo de augas pluviais das fecais, asunto que é preciso afrontar con urxencia se en realidade o obxectivo das Institucións Públicas é acadar un verdadeiro saneamento integral da ría.

Aínda considerando os importantes investimentos adicados ao saneamento integral da ría de Vigo, como cidadáns responsables coa natureza, non podemos calar e mirar para outro lado ante os feitos enunciados, por iso demandamos os Concellos, Xunta de Galicia, Augas de Galicia e A. Portuaria, Institucións que terían que velar pola boa calidade das augas, a saúde dos seus cidadáns e pola economía derivada da producción e extracción dos bancos marisqueiros, pesqueiros, hostalaría, turismo que precisamente depende da calidade das augas da ría.

Discrepamos da teoría de que as novas tecnoloxías empregadas nas EDAR, (como por exemplo a do Lagares), por sí soas, poidan ser a solución de futuro para evitar a contaminación da ría de Vigo. De ser certas as prescricións técnicas de que as EDAR teñen sobrada capacidade, que está equipada coa mais avanzada tecnoloxía, que a saída das augas depuradas van ser inocuas. Se isto fose certo, podemos concluir, (que non sería preciso o gasto da inxente cantidade de euros – mais de 20 millóns -, da partida orzamentaria destinada á construcción do emisario ría adentro). Cos datos á vista presumimos que o obxectivo deste emisario seguirá sendo a ocultación das verteduras finais, con ou sen depuración, que fará case imposible o control real da depuración.

Visto o anterior compre un compromiso real e colectivo de cumprimento da Directiva Marco da Auga da UE e o bo estado da calidade das augas. Compromisos que incidan nos seguintes aspectos:

a) Establecer un protocolo axeitado que permita exercer un control efectivo do correcto funcionamento das redes do saneamento, estacións de bombeo e das EDARS.

b) Esixir aos Organismos ou empresas responsables do tratamento de augas residuais o cumprimento do servizo contratado e, dado o caso, incoar os expedientes sancionadores que correspondan, así como as demandas legais por incumprimento de contrato ou atentados ao medio ambiente.

c) Establecer os convenios necesarios entre as distintas administracións para a redacción dos proxectos que permitan programar as obras de instalación de redes separativas das augas pluviais das fecais. Único xeito de diminuir as cargas nos colectores de marxe de ría, das estacións de bombeo e EDARS e rematar dunha vez coas verteduras contaminantes.

d) Establecer un control sobre as industrias da área, para que cumpran coa legalidade e incorporen os medios e instalacións necesarias de depuración e tratamento dos residuos contaminados.

e) Eliminar os vertidos de refugallos portuarios, que se veñen facendo entre Ons e Sálvora, ou en calquera outro punto na plataforma mariña.

f) Establecer un protocolo de actuación e control, nos encoros, para minimizar os efectos sobre a ría dos vaciados, con arrastre de lodos, ou grandes contías de auga doce.

 g) Elaborar un estudo en profundidade do estado real das zonas produtivas e métodos para a recuperación das mesmas.

h) Demandar a planificación a medio e longo prazo, o traslado a polígonos industriais de aquelas industrias que para o seu funcionamento, non é estrictamente necesaria a súa ubicación no bordo marítimo.

I) Reordenación da dársena de Bouzas co obxectivo de concentración do naval mediante diques secos para, evitar que os residuos contaminantes saian á ría. Nos casos que non se poidan concentrar, esixir as empresas, a construción de dique de protección de contaminantes.

J) Planificar e concienciar o aproveitamento das augas pluviais, recollida e embalsado das augas dos tellados e mananciais das excavacións, como reservas para regadíos, limpeza de ruas, bombeiros e outros usos compatibles.