No event in the calendar
December 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

A Ría de Vigo, as súas fronteiras como portas a contaminación


 

A ria de Vigo, as súas fronteiras como portas á contaminación

A ría como un todo.

A ría de Vigo ocupa unha superficie de 156 km2, contén un volume de 3,28 km3 de auga e se estende 33 km desde a desembocadura do río Oitavén-Verduxo ao nordeste ata as illas Cíes ao sudoeste.

 

 

A ría é a austral das catro Rías Baixas galegas, que son vales incisos asolagados polo ascenso do nivel do mar tras a última glaciación. Despois dun máximo de xeos glaciares co nivel do mar 125 m por baixo do presente, a ría acadou as actuais dimensións hai uns 6.000 anos.

Unha parte interior ou estuárica correspondente á enseada de San Simón onde recibe a case totalidade da auga doce que se verte á ría e presenta amplas chairas intermareais. Despois a ría alárgase e afonda progresivamente abranguendo unha parte media e outra externa. A parte media esténdese desde o estreito de Rande ata o cabo de Mar e ten un litoral densamente poboado e industrializado. A parte externa ou oceánica háchase parcialmente pechada ao océano polas illas Cíes que actúan como unha barreira protectora contra a ondaxe de mar aberto e dividen a entrada á ría en dúas bocas. A boca orientada cara o sur segue a canle principal da ría e ten 56 m de fondura, sendo a vía principal co océano; a boca norte é mais superficial, sen superar os 30 m de fondura.

O réxime de mareas na ría ten un percorrido medio de 2,2 m entre a alta e a baixa. Nembargantes, agás en San Simón-Rande, as mareas non inflúen no intercambio de auga. A circulación estuárica residual positiva é a principal causante do intercambio de auga entre a ría e o océano. Este proceso é considerado como estuárico ao ser consecuencia do aporte fluvial. A auga doce é menos densa que a mariña e se sitúa sobre ésta desprazándose cara fóra da ría á vez que se mestura coa auga do mar. Fórmanse duas capas de auga, unha entrante por fondo e outra sainte por superficie, daí que se defina como unha circulación positiva. Estas capas non presentan unha gran variación de salinidade de superficie a fondo e a ría defínese como parcialmente estratificada. Finalmente, a circulación é tida como residual ao ser a remanente cando se miden correntes durante un ciclo mareal. Se só existise a influencia da marea a corrente residual sería cero. Durante o inverno ao crecer o caudal dos ríos a auga da ría muda con maior rapidez e os tempos de estadía son menores dunha semana; polo contrario, durante a época seca pódese retardar ata catro ou mais semanas. A renovación da auga é importante; canto mais pausada sexa mais se concentra a contaminación dentro da ría; e viceversa, un intercambio intenso de auga exporta axiña os contaminantes e trae auga limpa oceánica.

Ademais do caudal fluvial outro fenómeno que axuda á renovación da auga na ria é o afloramento, do que os eventos adoitan suceder durante a primavera e o verán. Este proceso débese aos ventos de compoñente norte que desprazan a auga costeira superficial cara o oeste e é substituída pola auga mais fría que se atopa debaixo dela. As intrusións de auga fría detéctanse ben nos mapas térmicos da superficie do mar que obteñen os satélite.

Publicación da Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo, “CÍES”,

A RÍA DE VIGO

Impacto da actividade humana, xestión sostible e conservación ambiental.

Estracto do artigo de

D. Ricardo Prego Reboredo.

Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC)